Bernardino Graña: "Temos que seguir loitando, non se pode borrar a Historia"

Entrevista co poeta cangués, co galo da publicación en 1998 do seu poemario "Luz de novembro". Daquela tamén falamos do oficio do poeta, "un heroe que defende a vida", dicía.

Bernardino Graña: "Temos que seguir loitando, non se pode borrar a Historia"
O poeta Bernardino Graña cun grupo de estudiantes de Lalín.

A morte do xeneral Franco inspira "Luz de novembro", poema composto en 1975 polo escritor cangués Bernardino Graña. A censura obrigoulle a agochar aqueles versos, que publica con outras vellas e novas creacións, poesía de resistencia e cantos á vida.

Bernardino Graña vén de engadir á súa producción poética -da que a crítica literaria destacou as obras A profecía do mar (1966) e Himno verde (1992)- o libro Luz de Novembro, editado por "Espiral Maior". Graña, tamén dramaturgo e contista, achou na morte do xeneral Franco o punto de partida para escribir un novo poemario de resistencia e de compromiso coa vida.

-¿De onde parte esta obra?

-O poema Luz de Novembro, o primeiro e que dá nome a todo o libro, é un poema clandestino, de rebeldía, feito na noite en que faleceu o "xeneralísmo" Franco.
Moitos sabiamos que estaba morrendo, aínda que viviamos máis de rumores que de noticias. Naquela longa noite xuntámonos varios amigos na miña casa da rúa do Home Santo en Santiago, arredor da radio. Cando escoitamo-la nova abrimos botellas de sidra e brindamos. Aquela noite comecei a escribir un poema de desafogo contra a dictadura e a opresión que sufriramos.

"A censura era terrible, rexistraban as casas dos escritores"

-¿Por que o agochou?

-Seguía habendo (en certa maneira segue hoxe) unha tendencia a autolimitarse, porque a censura era terrible. A policía facía rexistros nas casas dos escritores, mesmo a Ferrín levárono dous anos á cadea por unha novela que non publicou. Así que gardei o poema despois de llo ler ós compañeiros. E tanto o gardei, con tanto pánico, que pasaron anos e anos e nin sequera sabía onde o tiña. No 1995 atopeino revisando uns papeis e retoqueino un pouquiño.

-¿Tanto medo había?

-Si, pasamos moito medo. Despois de Franco continuou a censura, e tristemente están moi perto de nós os responsables. Non ocultei este poema por cobardía, senón por unha lóxica reacción. Xogábaste a vida.

-E agora o presenta nunha escolma de poemas perdidos...

-Non, o libro tamén inclúe composicións novas, nunca publicadas. Por exemplo o Poema de Fiz Vergara, que fixen diante do seu cadaleito a corpo presente. Ou o de Ferrín, tamén inédito.

-A obra divídese en dúas "Quintanas": a dos mortos e a dos vivos. ¿Que significan?

-Primeiro pretendo mostrar a escuridade, a opresión franquista, e poño como contraste unha segunda parte onde triunfa a luz. Nesa "Quintana dos Vivos" presento unha serie de personaxes que considero axudantes a que triunfe a luz. Asi o Poema a Antón Avilés de Taramancos reflexa a loita de Galicia por ser ela mesma. Outros van adicados a Alexandre Cribeiro, Goya ou Manuel María. Logo identifícome coa loita dos palestinos (A Palestina, incluido nun libro colectivo editado en Santiago no 1991), e ao remate chega o triunfo do Amor e da Vida a pesar da Morte que queren difundir os tiranos. Pienso que ter un fillo ou unha muller son modos de loitar coa negrume.

-¿Por que "Quintanas"?

-Está inspirado .nas quintanas de Santiago. Quintana ou quinteiro é a zona do adro, nunha igrexa ou catedral, onde normalmente hai tumbas. Ven sendo como un adro onde se reune a xente. Poetizouno o mesmo García Lorca nun dos seus poemas en galego: "E a lúa, e a lúa na quintana dos mortos". Na de Santiago fan moitos concertos e cantos.

-O crítico Hermimo Barreiro di que este libro mostra a un Bernardino Graña revolucionario, contundente, que non esperaba tal del...

-É certo, porque o libro está moi centrado arredor dunha protesta. Supón unha resistencia e un afán de manter viva a memoria. Temos que seguir loitando, non se pode borrar a Historia. Temos que saber de onde vimos; onde estamos e que queremos para saír adiante. Para min é importante que o meu fillo saiba algún día que antes de nacer el houbo ese sufrimento. E que non morrimos, seguimos facendo o amor, facendo a Galicia e cantando nos libros. É, en definitiva, poesía de resistencia, pero non en plan panfleto: é un canto á vida, ós amigos, ó amor, á muller e ó fillo.

Bernardino Graña en entrevista en Vigo
Bernardino Graña durante a entrevista. Foi na extinta cafetería Goya de Vigo, baixo a mirada do pintor Laxeiro nun retrato. A instantánea é do tamén lembrado fotógrafo Magar.
"O poeta traballa pola luz, pola beleza e a salvación de todos"

Da escritura

-¿Como definiría vostede o oficio de poeta?

-Duro. O escritor ten que ser unha especie de eremita, case sempre só, rodeado de silencio e de xente que non escoita ou que non quere saber nada del. A xente corre para aquí e para alá con outros atafegos que non teñen que ver coa beleza, por desgracia, nin cos soños nin cos desexos de elevación. O poeta traballa pola luz, pola beleza e pola salvación da vida de todos, non só a del. Incluso o poeta que canta unha flor se converte nun heroe, nun tipo que merece algo positivo porque defende a vida. O final estamos escribindo porque queremos a luz, queremos aclarar nos do misterio en que vivimos. A vida é moi confusa. Só temos unhas percepcións, unhas intuicións de que debe haber algo máis.

-¿Paga a pena escribir? ¿Cal é a satisfacción?

-Hai que tér unha enorme fe e ilusión. A creación -como o acto do amor- implica un sufrimento, pero paga a pena. Tés cantidade de atrancos sobre todo no comezo, pero tiras para diante. É como estar nunha illa, ser como un Robinson, e apostar que un día o recollerá un barco e que máis xente vivirá con el. É dicir: hai que confiar.

-¿Como ve a nova poesía galega? ¿Ten boa saúde?

-Eu creo que os novos teñen máis oportunidades para editar libros. Espiral Maior vai publicando e nas súas coleccións están a sacar cantidade de poetas. Hai algunha revista. Eles ademais organízanse, por exemplo hai un grupo moi interesante na Costa da Morte. Penso que a poesía galega ten valores moi claros e consolidados.


Publicado orixinalmente no suplemento EL SÁBADO (FV), o 21 de marzo de 1998

Licencia de Creative Commons
Este obra está bajo una licencia de Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-CompartirIgual 4.0 Internacional