Xesteira: “Os contos son o máis parecido ao xornalismo”
O escritor e xornalista José Angel Xesteira debuta na editorial Galaxia coa súa sexta obra literaria “Cóntamo outra vez, Rick”
José Angel Xesteira (Redondela, 1946) volta ao prelo coa súa sexta obra literaria, un feixe de relatos entre a ficción e a realidade.
– Como xurdiu “Cóntamo outra vez, Rick”?
– Son contos que foron parar ao caixón ou á carpeta do ordenador. Algún ten 30 anos. Contos de algo que me contaron, que les ou se che ocorre, e que poden ter calidade. Os contos son o máis parecido ao xornalismo, pola inmediatez da escrita e a extensión. Un día o recolles e daslle unha volta. Coa pandemia, decateime que tiña un feixe deles listos para ser publicados. Ocorréuseme enviar cada día un conto por email a unha tropa de amigos. Un deles falou coa editorial Galaxia e propuxéronme a publicación. E aí está.
– O título evoca a “Casablanca”.
– “Cóntamo outra vez, Rick” é unha historia que inventei dándolle a volta a “Casablanca”, película mítica pero horrorosa: o director non sabía como ía acabar. É unha gran mentira que se basea, paradoxalmente, nuns feitos auténticos. Ese conto é unha reflexión sobre a realidade, que sucedeu en Tánxer con personaxes como Paul Bowles.
– Cal é o fío conductor do libro?
– O truco de sempre. Un grupo de xornalistas galegos quedan atrapados nun hotel do Caribe, e quedan tódalas noites no lobby para contar cada un unha historia.
– O cine, a literatura e as viaxes son algúns dos seus referentes.
–Tamén o anecdotario. Sucede coa literatura, que algo real é máis difícil de crer que unha ficción. A capacidade de invención dun escritor é limitada, pero a realidade é infinita. Hai cousas reais e outras inventadas, ou disfrazadas. Sempre con visión cinematográfica, porque fomos educados no cine.
– Pésalle ao escritor Xesteira o oficio de xornalista que exerceu?
– Non hai diferencia. Eu non me sinto nin máis xornalista nin máis escritor. Vivín toda a vida de escribir e a cuestión é poñerse, saen cousas. Pode haber máis calidade nunha gacetilla que nunha gran novela. Todo se reduce a contar historias. De sucesos reais ou imaxinarios. E hai que contalas ben. Nada máis.