Voltar á terra

Desde que temos lembranza emigramos. O raro é encontrar alguén no noso contorno máis achegado que cando menos unha vez non probase sorte fóra.

Voltar á terra
Foto de Krzysztof Hepner / Unsplash

Manifesto (2015)

Nunca deixamos de irnos, a un ou a outro ritmo, en algún momento máis paseniño e noutros xa en masa, cando se desbordan os intereses duns poucos. Este é un deses momentos.

Vimos dun país con recursos e capacidades como para xuntar ás que están e ás que queremos estar. Somos líderes mundiais na produción de novos materiais de aplicación industrial, o mar fíxonos potencia pesqueira, habitamos unha Terra cunha extraordinaria capacidade agrogandeira, xeramos máis recursos enerxéticos -electricidade- dos que precisamos, visítanos máis xente que habitantes somos e, xunto a potencialidades dabondo, temos unha lingua e cultura propias e ben diferenciadas, que nos permite comunicarnos con máis de 250 millóns de falantes de portugués.

A pesar diso, 466.000 galegas e galegos viven hoxe por baixo do limiar da pobreza, máis de 200.000 marcharon desde o 2007, a metade das menores de 25 anos non teñen traballo. Perdemos cada día 70 habitantes formados e en idade laboral, que deixan atrás familias, amizades, e, en moitos casos, a posibilidade de desenvolver a súa vida onde queiran. Somos pouco máis que a vixésima parte da poboación do Estado, mais unha cuarta parte das emigradas.

O problema non é que marchemos, é que nos botan cando limitan e recortan as titulacións das nosas universidades, cando as opcións que nos dan son entre o desemprego, ou empregos cun salario miserento e traballos non remunerados –as tan manidas prácticas profesionais-, ou cando nos negan calquera tipo de axuda para desenvolver unha iniciativa económica.

Non queremos agasallos, mais tampouco que nos pechen as portas do noso país. A emigración non só supón rachar familias e separarse da xente que queremos, senón desvertebrar o noso territorio, introducir fendas xeracionais irrecuperábeis e condenarnos a continuar no círculo da dependencia que nos ten nesta mesma situación.

A emigración non é inherente á condición humana: Só viven en países diferentes ao seu un 3.3% da poboación mundial. Iso é o que nos depara un mundo só para as elites, no que a nós nos cadrou no lado baixo da balanza.

Por iso nós non somos emigrantes, somos exiliadas, e exisimos:

  • Un plano de emprego xuvenil que promova novos espazos de actividade para a xeración de emprego e que potencie o emprendemento.
  • Un plano de apoio ao retornado que permita volver en condicións dignas e con acceso a un posto de traballo digno.
  • Reforzo dos servizos públicos e contratación de traballadoras no ensino, sanidade e servizos sociais.
  • Promoción da explotación sustentábel dos nosos sectores produtivos e fin das restricións europeas e españolas que non nos deixan producir.
  • Derogación do retraso na idade de xubilación e eliminación dos contratos precarios.

Queremos ser quen de vivir e traballar con dignidade no noso país, como fan tantos pobos no mundo, e que deixen de ser os de sempre os que elixan se temos dereito ou non a vivir na nosa terra.

Manifesto
Desde que temos lembranza emigramos. O raro é encontrar alguén no noso contorno máis achegado que cando menos unha vez non probase sorte fóra. Nunca deixamos de irnos, a un ou a outro ritmo, en alg…
Premendo na tarxeta podes asinar!
Licencia de Creative Commons
Este obra está bajo una licencia de Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-CompartirIgual 4.0 Internacional