Del Riego: “A nosa lírica da Idade Media tivo un significado universal”

Francisco Fernández del Riego (1913-2010) fala de vagar, asegurándose de que ao seu interlocutor non lle caiban dúbidas sobre o que está a dicir. Don Paco gusta do sinxelo, sabedor do doado que é caer en estériles debates cando o tema se presta a tal cousa. El prefire que todo o mundo lle entenda e participe deste día grande do idioma. O presidente da Real Academia Galega dise "sorprendido da dimensión que adquiriu" o Día das Letras, que el mesmo contribuíu a crear e espallar.

¿Cal é o proceso que segue a Academia para elixir ós autores homenaxeados no Día das Letras Galegas? ¿Como optou finalmente por Martín Codax, Johan de Cangas e Meendinho?

- O proceso faise no seo das reunións plenarias da Academia. Para a celebración deste ano 1998 houbo varias propostas, pero prosperou a destes tres poetas medievais unidos pola súa ubicación na Ría de Vigo. Non foron elixidos simplemente como figuras representativas dunha época, igual que Rosalía simboliza o Rexurdimento. Podíanse elixir outros moitos trobeiros, mesmo doutra calidade e doutra significación, galegos ou portugueses. Finalmente escollemos os tres da Ría de Vigo, malia a súa pouca composición, porque no fondo tratamos de poñer ante a xente un coñecemento, unha divulgación do que foi a literatura medieval galego-portuguesa. A nosa lírica da Idade Media tivo un signo universal de tipo europeo, de comunicación con outros mundos. Representan o intercambio de ideas, de culturas, de símbolos. Tivose en conta este feito e decidiuse por maioria, e finalmente por unanimidade ó retirárense outras propostas.

¿Como chegou ata nós a obra deste autores?

- A traverso dos cancioneiros conservados na Biblioteca Vaticana, na Colocci Brancutti e na portuguesa de Ajuda. Eu sospeito que son transcripcións, copias de tipo popular, oral, que se recolleron en distintos soportes. Posiblemente houbo un cancioneiro anterior moito máis amplo. O certo é que apareceron estes tres códices, e as cantigas dos trobadores do Mar de Vigo aparecen en dous deles.

"Os tres poetas do Mar de Vigo representan o intercambio de ideas e de culturas"

¿Os cancioneiros eran da mesma época dos trobadores?

- Eran da Idade Media tamén, pero un pouco posteriores. O que pasa é que foron descubertos moito despois, a finais do século XIX. A causa disto, os escritores galegos comezaron a descubrir a literatura medieval con posterioridade ao Rexurdimento: Rosalía, Curros ou Pondal descoñecían a súa existencia. Os primeiros en falar amplamente desta época fora a xente da Xeneración Nós.

As cantigas de amigo, ¿tiñan caráter popular ou culto?

- Popular. Entón había tres tipos de cantigas: de amor, influidas coa corrente provenzal a través do Camiño de Santiago, que comezou a funcionar no século XII; e as de amigo e de escarnio ou maldecir, que tiñan un carácter fundamentalmente popular.

Alfonso Pexegueiro: “A poesía é un xeito de construír o imposible”
″Ás veces penso que a poesía é ó mesmo tempo algo terrible e fermoso que nos esixe todo”, dixo autor do poemario vangardista ‘Seraogna’, reeditado 22 anos despois da súa publicación.

¿Teñen relación con manifestacións culturais anteriores?

- Se ten falado incluso do seu parentesco coas jarchas, unhas cantigas mozárabes coas mesmas características. O mesmo Dámaso Alonso apuntou a tal posibilidade, aínda que esas xa son discusións e problemas propios dos investigadores da filoloxía.

"A lírica medieval estendíase desde o Golfo de Biscaia ata Coimbra"

¿Podese comparar a función dos trobadores coa dos actuais grupos de música que van de pobo en pobo interpretando os seus temas?

- En realidade é eso. Hai o que se chama o trobeiro, que é un home dunha condición social superior e que fai as cantigas. Logo están os divulgadores, ben os segreis ou os xograres que van de vila en vila e de feira en feira, que frecuentan as cortes e fan recitados de tipo oral e musicados. O importante é que a lírica medieval era prestixiosa e tiña un significado universal. A literatura galego-portuguesa estendíase desde o Golfo de Biscaia ata Coimbra e había unha chea de cultivadores.

Francisco Fernández del Riego. Foto: Editorial Galaxia

¿En que momento perde o galego ese carácter culto?

- Na época de decadencia, no século XIV. Entón chegan a Galicia os representantes do poder central en tódolos ámbitos. Na propia igrexa, os abades dos mosteiros galegos (Oseira, Sobrado...) trasládanse a Valladolid e viñeron abades de fóra. Os magnates, a xente da administración, os delegados do Goberno Central tamén viñan de Castela, acompañados con fidalgos e xentes da súa procedencia. Daquela comezouse a establecer o castelán como o idioma da Igrexa, da Administración e da docencia, pasando a ser naturalmente o idioma culto. Pouco a pouco, o galego deixa de cultivarse por escrito. Pero tiña tal vitalidade, tanta forza, que se refuxiou nas clases populares. Elas, a pesar de que lle impoñian o castelán, seguiron falándoo entre si, manténdoo sintáctica e lexicalmente. Durante catro séculos o galego estivo vivo nas clases populares, na xente humilde, o que creou un complexo de inferioridade terrible que ainda sobrevive hoxe.

Por fortuna, logo recuperouse.

- No seculo XIX, coincidindo cos movementos románticos europeos. Alguns poetas menores recollen directamente o idioma do pobo e rehabilítano na forma escrita. Despois, xa con Rosalía, Pondal e Curros, convertese nun idioma de categoría.

Don Paco, ¿o Día das Letras alcanzou a resposta popular que Vde. pretendía cando propuxo a celebración hai 35 anos?

- Creo que si. Eu fixera unha proposta a Academia asinada por Xesús Ferro Couselo e Manuel Gómez Román. A Academia aprobouno e despois declarouse festa oficial. Xa o primeiro ano, adicado a Rosalía, tivo un éxito de tipo popular, non minoritario. En anos sucesivos, con Castelao e outras figuras, tamén obtivo moito eco. Pero hoxe o 17 de maio alcanzou una dimensión grandísima, arraizou de tal xeito que ata na aldea máis remota se celebra o Día das Letras Galegas. Eu estou sorprendido de que chegase a ter esta dimensión. Non se fala de ningunha outra cousa na medida en que se fala das Letras Galegas. Xa non é un día, é unha semana, e dentro de pouco será un mes.


Entrevista publicada orixinalmente en FARO DE VIGO o 17 de maio de 1998