Alfonso Pexegueiro: "A poesía é un xeito de construír o imposible"

"Ás veces penso que a poesía é ó mesmo tempo algo terrible e fermoso que nos esixe todo", dixo autor do poemario vangardista 'Seraogna', reeditado 22 anos despois da súa publicación.

Alfonso Pexegueiro: "A poesía é un xeito de construír o imposible"

O escritor e poeta Alfonso Pexegueiro rachou nun acto do Club FARO en 1998 un silencio público que se remontaba a máis dunha década atrás, cando decidiu autoexiliarse en Barcelona. A reedición do seu poemario "Seraogna" (1976) por parte de Edicións Xerais impulsou a volta á Terra dun autor esquecido por boa parte da crítica literaria galega. Pexegueiro foi o creador do Grupo de Comunicación Poética Rompente e un dos máximos representantes da poesía de vangarda en Galicia na década dos 70.

"Cando un chega dun país pequeno a un grande, un sente que vén dunha illa", dixo o poeta ponteareano, quen engadiu: "Hoxe veño da illa da poesía e no meu traxecto comprobei como se devastou a dignidade humana". De seguido Pexegueiro tentou explicar na súa intervención o seu concepto da poesía, "algo difícil e arriscado pois eu creo que toda teoría sobre a poesía estrélase contra a mesma poesía".

Segundo o autor de "A illa das mulleres loucas", a poesía é ao tempo "algo terrible e fermoso que nos esixe todo para construir o imposible". Achegar o sentimento á intelixencia sería a función do facer poético, dunha maneira completamente "libre e humana". Nese sentido, e sempre deixando claro que non existen "verdades definitivas", Pexegueiro destacou como a poesía "nos achega o infinito das cousas", máis dende a intuición que a traverso do coñecemento.

"Unha tarefa da arte pode ser descobrir mundos novos, outras posibilidades"

"Descobrir mentiras e realidades agochadas, descobrir mundos novos e outras posibilidades, traballar esoutra linguaxe que nos faga máis ceibes, pode ser, entre outras, unha das tarefas da arte, e mesmo do universo: este inmenso, inaprensible, descoñecido e marabilloso azar pensado".

Pexegueiro referiuse tamén ao motivo da súa presenza pública, a reedición de "Seraogna", que calificou de "libro actual e cheo de inalcanzables, concebido dende a utopía e a inocencia de querer transforma-lo mundo".

"Seraogna" —poemario que supuxo o reencontro do autor coa lingua galega, perdida na súa aldea natal de Angoares— "foi tamén concebido como unha casa; e por iso invítovos a ela...", dixo antes de abrir un recital no que repasou versos de "Mar e Naufraxio", "A illa das mulleres loucas" e, a petición do público, do seu libro en castelán, "El Lago de las Garzas Azules".

Semblanza de Alfonso Pexegueiro, nun video do Concello de Ponteareas.

Ferrín: "Seraogna déulle dimensión proletaria ó agro"

O escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, encargado de presentar a Pexegueiro no acto, ubicou nun contexto histórico a edición primeira de "Seraogna", case coincidente no tempo coa súa propia obra "Con pólvora e magnolias". Ferrín destacou a "inédita dimensión proletaria" que deu este poemario ao mundo do agro, amais das propostas formais que lle dan un carácter de "avisos corais, mensaxes dos silenciosos e humillados da terra galega".

Tras advertir a existencia de "certa acedume" na apreciación da figura de Pexegueiro, "ó que mesmo tentaron descatalogar", Ferrín enmarcou a poesía dos anos 70 e 80 nun ambiente de "insurrección cultural" que conseguiu deixar atrás a dictadura franquista.

"Daquela fervía en Vigo un ansia de novidade na poesía, na pintura, na política. O novo rock de Siniestro Total e Os Resentidos, o xurdimento de novos medios de comunicación, os ensaios marxistas e as propostas de independentismo dicíaníle adeus á dictadura", comentou Ferrín. O ano 1976 foi, segundo o escritor vigués, o "epicentro" deste "terremoto artístico" onde a cultura galega "fundamentou a súa súa liberación".

Ferrín avogou pola recuperación histórica do papel xogado na cultura galega polo Grupo Rompente e o seu creador, Alfonso Pexegueiro, de quen dixo "vive a poesía como un exercicio de sinceridade".

Pola súa banda, o director xeral de Edicións Xerais, Manuel Bragado, suliñou como as primeiras obras de ámbolos dous escritores ("Seraogna" e "Con pólvora e magnolias"); editadas con medios case artesanais, supoñen xa "una referencia obrigada na nosa literatura contemporánea".

Alfonso Pegueiro nunha foto de Anxo Pintos
Alfonso Pexegueiro nunha foto de Anxo Pintos.

Unha reunión de poetas, filósofos e escritores

O regreso de Alfonso Pexegueiro a Galicia tras doce anos de autoexilio en Barcelona reuniu a un bó numero de poetas e escritores no Paraninfo do Rectorado de Vigo. Confundidos entre o numeroso público, asistiron á presentación-recital o poeta cangués Bernardino Graña, o filósofo Francisco Sampedro, o premio "Merlín" Antonio García Teijeiro, o estudioso da poesía popular galega Domingo Blanco e os escrityores Maximino Queizán e Anxo Angueira, entre outros.


Publicado orixinalmente en Faro de Vigo o 5 de marzo de 1998
Licencia de Creative Commons
Este obra está bajo una licencia de Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-CompartirIgual 4.0 Internacional