Estudantes de tres continentes teñen participado nas actividades que organiza tódolos anos a asociación cultural “Ponte... nas Ondas”, un proxecto nado para achegar o mundo da radio a alumnos de Galicia e o Norte de Portugal, e que hoxe abrangue tamén centros de Arxentina, Brasil, Cuba,...
Milleiros de escolares de Galicia, Portugal e Sudamérica estiveron onte conectados a traverso da radiofonía co galo da X edición do programa “Ponte... nas Ondas”, un proxecto nado en 1995 nas escolas de Salvaterra e Monçao (Portugal) e que logo de estenderse por centros asociados á UNESCO, recibiu un importante recoñecemento internacional polo traballo que fai a prol do patrimonio oral galego-portugués.
Para celebrar este seu décimo cabodano e dar a coñecer todo o proxecto, a organización de “Ponte...nas Ondas” preparou unha exposición que pode visitarse ata o 17 de maio na Casa Das Palabras (Verbum) de Vigo. Na mostra recóllese en paneis e outros soportes –vídeo e audio– a evolución desta experiencia que recentemente o European Bureau of Lessed Used Languages (EBLUL), un organismo asesor da UE, definiu unanimemente como “modelo de boas prácticas entre linguas fronteirizas”.
A orixe
En 1995 inaugurábase a segunda ponte sobre o Miño entre Galicia e Portugal. Unía os concellos de Salvaterra e Monçao. Varias escolas da zona tiñan feito obradoiros de radio que se limitaban a emisións no propio recinto escolar, e veuse a oportunidade de celebrar a estrea da ponte transfroiteiriza cunha emisión conxunta que traspasase a “raia” dando voz a escolares de Galicia e Portugal.
Daí o nome do proxecto: “Ponte...nas ondas”. A dinámica da xornada de radio, daquela 12 horas de emisión continua, era propor unha pregunta (“¿Que farías ti por mellorar as relacións entre os nosos pobos?”) e deixar que os oíntes a respostasen por teléfono. Houbo unha avalancha de chamadas ese día.
O éxito desa primeira edición animou ós impulsores a repetila. Tamén os estudantes quedaran impresionados coa experiencia radiofónica; eles mesmos pedían unha segunda xornada de “Ponte... nas ondas”. Asi en 1996 volta facerse o acto, achegando novas escolas con cadanseu obradoiro de radio: Melgaço, As Neves, Ponteareas...
O seguinte paso foi definir con antelación o tema proposto para a xornada de radio, cunha reunión entre os mestres implicados. Decidiuse afondar nos temas locais e potenciar o coñecemento mutuo entre os alumnos de ámbalas dúas beiras da fronteira. Por exemplo Salvaterra traballa sobre Monçao e o revés, os escolares portugueses van preparando traballos sobre o municipio galego. A pregunta do día “no aire” era logo: “Que aprendeches desta localidade?”
A medida que se van incorporando novas escolas ó proxecto, amplíase o entorno de coñecemento: Arbo, Valença, Tui... Amais, en 1998 decídese poñer en marcha unha páxina web: www.pontenasondas.org.
Un punto de inflexión
A partir da séptima edición, no 2001, entraron un número importante de escolas asociadas á rede da UNESCO en Ponteareas, Santarém, Pontevedra... Os profesores propuxeron tratar temas máis amplos, que xerasen debate nos alumnos. Un proxecto da UNESCO encol da “Rota do escravo” deu pé a “Ponte...
nas Ondas” a tomar dimensión internacional.
A partir da súa experiencia local, súmase á iniciativa alumnado de África e América. Este ano 2003, outras 150 radios educativas de Sudamérica achegáronse á idea. A crecente relevancia desta iniciativa levou a incorporar a xente da cultura. Cantantes como Caetano Veloso, Manu Chao, Uxía ou Joao Afonso realizan gravacións especiais para o día da emisión. Mesmo o premio Nobel de literatura José Saramago, ou o eurodeputado Camilo Nogueira son entrevistados nalgunha das edicións. Este aspecto fai que a experiencia transcenda do ámbito escolar e emerxa como unha plataforma de integración entre os ámbitos cultural e o educativo.
Tamén entran en “Ponte... nas Ondas” medios de comunicación como xornalistas de Barcelona,Madrid ou Lisboa. Nas edicións IV e V, a xornalista Julia Otero deulle paso á xornada interescolar desde o programa “La radio de Julia”, que entón era líder de audiencia. Iñaki Gabilondo fixo o propio dende “Hoy por Hoy” e Diamantino José desde Lisboa para “Tardes da Telefonía”. Na VII e na IX edición foi Gemma Nierga quen conectou desde o seu espacio: “La ventana”.
Patrimonio inmaterial
“Ponte... nas Ondas” non e só o día da radio, senón que os temas
propostos son enfocados polo curso nas aulas. É un pretexto para intercambiar información. A implicación coa UNESCO e a propia traxectoria do proxecto levaron a adoptar nas seguintes edicións o tema “O Patrimonio Oral Inmaterial”. Busca coñecer manifestacións culturais propias da rexión galego-portuguesa.
Na IX xornada “Ponte...nas Ondas”, sensibilizada co desastre do Prestige, aborda a “Cultura Marítima”. Na última X edición, o lema foi “Patrimonio Vivo”: a idea é achegar o patrimonio oral máis próximo ás escolas. Ó longo do curso, os alumnos levan a xente maior a contar historias, a falar de oficios tradicionais como a canteiría, de festas como os curros... os traballos plásmanos logo no programa radiofónico.
“Ponte...nas ondas” vén de propoñer aos gobernos español e portugués que presenten diante da UNESCO a candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-
Portugués para ser recoñecida como Obra Mestra do Patrimonio Inmaterial. A candidatura concrétase no concepto de Ciclo Agrario e da Natureza. A razón de fondo está na base agrícola e mariñeira da sociedade galegoportuguesa, e abrangue tódalas manifestacións mitolóxicas, festivas, artesanais, orais e musicais asociadas aos ciclos naturais.
Soporte e colaboracións
En canto ás xornadas de radio como a que celebraron onte, o soporte técnico implica amais dos centros escolares a emisoras locais que ceden a súa frecuencia como son Radio Tui ou, en Vigo, Radio Ecca. A Radio Galega está participando tamén dende 2002 prestando equipos e persoal, e mesmo facendo conexións coa xornada interescolar.
Por outra banda a compañía Telefonica fixo un importante esforzo na infraestructura, instalando liñas telefónicas, ADSL e RDSI especiais para o día das emisións. Outra entidade participante é a Universidade de Vigo, que permite retransmitir por Internet a traverso da súa propia rede IRIS.
A organización do “Forum 2004” de Barcelona recoñeceu hai pouco á Asociación Cultural e Educativa “Ponte...nas ondas” como unha entidade adherida.
Cronoloxía
- 1995: A primeira edición de “Ponte...nas Ondas” tivo como escenario as escolas de Salvaterra e Monçao. Co galo da inauguración da ponte entre ámbalas dúas localidades á beira do Miño, propúxoselle aos alumnos que responderan á seguinte pregunta: “¿Que farias ti para mellorar a relación entre os nosos pobos?”
- 1996: O éxito da experiencia do ano anterior leva a repetila, desta vez co tema: “¿Que sabes da outra beira do Miño?”.
- 1997: Comeza unha serie de edicións adicadas especificamente ás localidades máis implicadas no proxecto. Neste ano “Ponte... nas Ondas” traballou sobre Salvaterra de Miño.
- 1998: Repítese a experiencia do ano pasado esta vez cun tratamento exhaustivo encol do municipio luso de Monçao.
- 1999: As localidades que centraron o traballo dos estudante durante este curso e na xornada de radio foron nesta edición Melgaço e Arbo.
- 2000: Esténdese o ámbito de “Ponte...nas Ondas” con traballos adicados a outras dúas localidades fronteirizas: Tui e Valença de Minho.
- 2001: Dáse un salto cualitativo no proxecto. A implicación coa UNESCO leva a adoptar como tema central do curso e da xornada radiofónica deste ano “A rota dos Escravos”. Daí a implicación por vez primeira de centros escolares de Cuba, Brasil e África. En Galicia e Portugal súmanse máis escolas á idea e por vez primeira recórrese á colaboración de artistas recoñecidos que fan aportacións persoais ó tema proposto por “Ponte...nas Ondas”.
- 2002: Afianzado o proxecto e cunha clara vocación internacional, o tema proposto aos alumnos é “O Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués”. Búscase afondar na cultura e nas tradicións comúns en ámbalas dúas beiras do Miño, sobre todo as relacionadas coa agricultura.
- 2003: Seguindo a liña de coñecemento do patrimonio cultural común, “Ponte...nas Ondas” aborda nesta ocasión o tema “O Mar no Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués”.
- 2004: “Patrimonio Vivo” foi o tema desta décima edición. A organización pretende que os alumnos tomen conciencia do que poden facer por coñecer e recuperar a cultura tradicional no seu entorno máis inmediato, mediante entrevistas a persoas maiores, con oficios en perigo de extinción, ou indagar sobre festas populares relacionadas co ciclo agrario e da natureza
- 2005: A organización xa vai preparando a vindeira edición. O seu obxectivo é implicar a centros escolares da “raia seca” ó sur da provincia de Ourense.
Publicado orixinalmente en EL SÁBADO (FV), 8 de maio de 2004