As novas tecnoloxías da información en Faro de Vigo

En marzo de 2006 participei con esta ponencia na mesa redonda 'A sociedade ante os novos métodos de comunicación', dentro das II Xornadas "Vigo, unha empresa e moito máis" organizadas pola Escola de Estudios Empresariais da UVigo

As novas tecnoloxías da información en Faro de Vigo
Foto de Bank Phrom / Unsplash

Quero agradecerlle á Escola de Empresariais da Universidade de Vigo que nos convidase a estas xornadas. É unha boa oportunidade para explicar aos seus alumnos unha parte do funcionamento interno de FARO DE VIGO, o xornal decano de España, con máis de 150 anos de historia vencellada diretamente á da nosa cidade.

Vamos facer unha breve explicación do uso das novas tecnoloxías na confección do periódico. Por unha banda referirémonos as ferramentas que temos os redatores para desenvolver o noso traballo (e-mail, web, axencias de noticias, fototeca); por outra, aos contidos da páxina web (www.farodevigo.es) nesta altura, e á Hemeroteca Dixital en PDF, en canto instrumentos tecnolóxicos de información cara os lectores.

Vigo: unha empresa e moito máis
(Vigo, 23-3-2006) Os xornalistas José Luis Barreiro, Xurxo Torres, Iván Leis e o moderador Óscar González participamos nesta mesa redonda 'A sociedade ante os novos métodos de comunicación', na Escola de Estudios Empresariais.

Mapa de contidos

Modernización de sistemas de impresión

Cómpre unha perspectiva histórica para entender o cambio que supuxo a introdución destas ferramentas tecnolóxicas no periódico. A principios da década de 1990, FARO DE VIGO -xa integrado no Grupo Editorial Prensa Ibérica- moderniza o seu proceso de impresión adoptando unha rede informática sobre a plataforma Macintosh. Este tipo de ordenadores facilitan a organización das páxinas e dan un control máis preciso das imaxes e fontes tipográficas a publicar.

Emprégase o programa QuarkXPress para a impresión de publicacións. Na vertente final do proceso, instalouse na factoría de Chapela unha rotativa Mitshubishi que incrementou significativamente a capacidade de tirada e deu a posibilidade de presentar o periódico a toda cor.

Estes cambios tecnolóxicos (comúns daquela nos periódicos europeos) remataron cun xeito de traballo baseado na máquina de escribir e a linotipia, mais propios do século XX, en favor de xornais informativamente máis áxiles e vistosos

A confección do FARO é un proceso que escomenza co reparto dos espazos publicitarios e informativos. Cada sección do periódico (Local, Sociedade, Deportes,...) debuxa as súas páxinas conforme as noticias ou reportaxes que definen esa xornada. O departamento de Maquetación dálles forma con QuarkXPress [posteriormente Millenium] e os redactores escriben ou editan neste tipo de arquivos informáticos os seus textos. Antes de entregalos á rotativa, nesas mesmas maquetas incluense as fotografías, gráficos e anuncios.

Rolda de prensa
Xornalistas nunha rolda de prensa. Foto: The Climate Reality Project / Unsplash

Ferramentas na Redacción

O periodista, en canto responsable de recoller e dar forma á información, dispón dunha serie de canais cos que comunicarse coas súas fontes. A entrevista persoal ou telefónica é o canal fundamental, pero hai máis conforme avanza a tecnoloxía na Redacción. Asi o fax e o telex, logo o correo electrónico, a Web e as redes sociais cobran protagonismo no traballo diario de obter e contrastar a información diaria.

Os ordenadores da nosa Redacción serven logo non só para a escrita dos textos, senón tamén para comunicarse, basicamente recibir información dende:

• Outras máquinas da Redacción e Delegacións, por unha rede interna que tamén enlaza a outros xornais do noso Grupo Editorial.

• Servidores de axencias: noticias, fotografias e gráficos remitidos via satélite por Efe, Europa Press, Reuters... Unha interfaz de "navegador" facilita as búsquedas.

• Internet: correo electrónico e páxinas web.

A implantación destas tecnoloxías foi paulatina a finais da década dos 90. Ao comezaren as axencias a trasmitir en modo dixital (superando os telex de 70 e 80) pasouse a utilizar este formato nos documentos internos. Os fotógrafos comezan a abandoar o revelado analóxico en prol do dixital. Isto leva a poñer en marcha a nosa Fototeca, un arquivo de tódalas imaxes que publica FARO. Cada día son descritas e organizadas a traverso dun software que permite a súa recuperación mediante palabras chave. Nesta data (maio de 2006), a Fototeca contén 500.000 documentos gráficos. Amais está a completarse con milleiros de fotografias do arquivo histórico, imaxes en papel tratadas con escáner.

Data reporting dashboard on a laptop screen.
Panel de control dun ordenador. Foto: Stephen Dawson / Unsplash

O correo electrónico

No tocante a Internet, o maior esforzo que implica é o control dos e-mails de carácter xeral (P. ex. [email protected]) debido ao seu uso cada vez máis estendido. Cada día chegan centos de correos, solicitados ou non, que cómpre filtrar dun xeito efectivo.

Co fin de controlar o “spam", optouse por programar os clientes de correo electrónico para que automaticamente garden arquivos adxunctos, reenvien mensaxes a destinatarios máis concretos ou elimine as comunicacións non desexadas.

Trátase de aproveitar as posibilidades do software e así o persoal encargado pode facer tarefas máis humanas, como dar resposta aos e-mails dos lectores.

Tódolos redactores dispoñen dun correo particular e teñen libre acceso á WWW. As páxinas máis consultadas son Google, os Diccionarios ou webs de referencia como a do INE, outros xornais nacionais ou internacionais... Mais é importante que consideren estas ferramentas unha fonte máis de datos que, no rigor informativo, hai que contrastar.

farodevigo.es en 2001
Redeseño da páxina web www.farodevigo.es en 2001.

A páxina web

Xurde a principios de 1999 como unha resposta á demanda de noticias propias de FARO DE VIGO dende puntos onde non chega a edición impresa, sobre todo da emigración galega en Europa e América. A primeira versión da nosa web tomou como referencia a páxina doutro periódico do noso Grupo Editorial (LA NUEVA ESPANA de Asturias), que comezara a andar pouco antes. Desde xeito aproveitábamos a súa estrutura, deseño e principalmente o sistema de edición, o punto máis complexo no momento de poñela en marcha.

Hai que ter en conta que a páxina web ten que se elaborar unha vez pechada a edición impresa (a medianoite), e que inclúe a meirande parte das noticias do xornal. Lonxe de ser un proceso automático, isto implica que unha persoa debe "copiar-e-pegar" tódalas noticias. O sistema adoptado nos primeiros 2000 simplificaba o traballo mediante bases de datos e, ao final do proceso, subíanse os arquivos xerados a un FTP. O deseño era entón unha cuestión menor, en favor da difusión das noticias propias na Rede.

Os resultados foron mellores dos esperados. Internet ía espallándose e
mes a mes crecía o numero de lectores, especialmente en Galicia. Revelouse como unha fonte de ingresos publicitarios adicionais ao xornal impreso, e un medio para informar doutros aspectos da empresa, por exemplo das promocións editoriais.

Outros xornais galegos chegarían despois a Internet. En 2001, farodevigo.es alcanza unha media de 15.000 lectores diarios. É o momento de mellorar o deseño e incluir os suplementos do periódico e servicios ata entón non contemplados: enquisas e foros, que supoñen amais outra fonte de información para o periódico, ao poder "pulsar" a opinión pública sobre determinados aspectos da actualidade.

Se ben o sistema de edición é moi parecido (cubrir unha base de datos a partir dos nosos arquivos QuakXPress para logo subila a un servidor), o proceso axilizouse. Pasamos a incluir noticias das seis edicións impresas de FARO -Vigo, Ourense. Pontevedra, Arousa, Morrazo e Deza-Tabeirós- engadindo información corporativa, incluindo formularios de contacto e direccións de e-mail para unha comunicación directa do lector cos diferentes departamentos da empresa.

No aspecto gráfico púxose énfase nun deseño acessible a persoas con dificultades visuais. Outra utilidade novidosa, na que fomos pioneiros, foi a posta en marcha dunha páxina que permitiu aos lectores contratar por Internet os anuncios breves a publicar no xornal. O sistema era tan doado como escribir na pantalla o texto, os días en que sairá, e dá o prezo, que se aboa no momento con tarxeta de crédito.

A finais de 2004 lanzouse a actual versión da nosa páxina web cun sistema común a outros xornais de Editorial Prensa Ibérica. Esto facilita a posibilidade de incluir novas de Última Hora, en calquera momento do día, tanto a nivel nacional e internacional como local. Amais as novas emitense agora en formato RSS, de forma que os lectores poden acceder máis facilmente aos últimos textos incluidos.

A páxina web ten a partir de entón xornalistas propios que elaboran noticias para a edición digital incluindo logo as redes sociais.

Instagram : https://www.instagram.com/kpbiglife/
A Hemeroteca de FARO consérvase en voluminosos tomos. Foto de Prateek Katyal / Unsplash

A hemeroteca dixital

As novas tecnoloxías da información permitiron en FARO DE VIGO pasar a formato dixital a produción dos seus máis de 150 anos de historia. Ata mediados dos anos 90 do pasado século, a Hemeroteca consultábase directamente sobre o papel, manexando voluminosos tomos, ou no mellor dos casos mediante un visor de cinta que presenta as páxinas de xeito semellante a diapositivas. Atopar unha información concreta publicada en data desconecida, era daquela cuestión de moito tempo de consulta, e algo de sorte.

Como resposta artellouse unha Hemeroteca en formato PDF (Portable Document Format). Este soporte informático é universal (multiplataforma), de doado manexo e permite a catalogación de textos. Outra vantaxe do PDF é que reproduce con exactitude as tipografías empregadas no traballo orixinal, e xa que logo serve como arquivo de impresión.

Deste xeito, a produción diaria de páxinas, nesa altura, feitas en QuarkXPress é automaticamente transformada a documentos PDF e sometida a procesos de catalogación, puidendo facer búsquedas por palabras sobre grandes volumes de información, con resultados inmediatos.

Por outra banda, as coleccións de números antiguos pasáronse por escáner para convertilas en imaxes e daí a PDF. Desta forma tiñamos toda a producción de FARO DE VIGO, visualizable cun programa tan común e sinxelo como é Acrobat Reader.

Na nosa Redacción dispomos unha ferramenta web que permite seleccionar os periodo de búsqueda (por datas) e introducir palabras-chave. Os resultados aparecen ordenados temporalmente e con só pulsar un botón sae en pantalla a páxina requerida en formato PDF. Valorouse como un servicio aberto ao público, de pago, mais na actualidade é só de uso interno e con outras ferramentas.

Conclusións

Da experiencia vivida ata o momento (1998-2006) coas novas tecnoloxías en FARO DE VIGO, pódense sacar estas conclusións:

• Precísase estar atento ás novidades tanto no noso sector como noutros, para non "perder o tren" tecnolóxico. Hai solucións orixinais e non necesariamente custosas.

• As novas ferramentas aportan vantaxes (mellor producción en menos tempo) pero tamén xeran novas necesidades. A formación é indispensable para aproveitalas.

• Para os medios de comunicación, Internet supuxo un cambio transcendental nos modos de recibir, tratar e enviar información. No caso do Decano potenciou o papel informativo do periódico, permitindo maior cercanía ao lector e respostas praticamente inmediatas.

E como di o lema da nosa empresa: "Cada día, máis"


Referencia

Patricio Sánchez Bello e Araceli González Crespán (2006). II Xornadas 'Vigo: unha Empresa e Moito Máis', Escola Universitaria de Estudios Empresariais de Vigo, Universidade de Vigo: pp. 130-166.

Licencia de Creative Commons
Este obra está bajo una licencia de Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-CompartirIgual 4.0 Internacional