Lírica política no ciberespazo
Divertido coma un neno, Xosé Luís Méndez Ferrín foi quen de someterse ao exame dunha asemblea de internautas a traverso do "chat" de Vieiros, a bisbarra galega na Internet.
Aconteceu o luns 28 de xuño de 1999, á noitiña; e o que parecía unha conversa formal de escritor a lectores tornouse fonda tertulia política, lírica, periodística e tecnolóxica.
Ferrín accedeu á canle #vieiros dende a casa do editor Manuel Bragado, logo de comprobaren dende Xerais a fraxilidade das novas vías de comunicación. Tra-lo saúdos iniciais do LoisR, o promotor do "invento", xornalistas dixitais de "O Correo Galego" e FARO DE VIGO abriron a tanda de preguntas.
"Hai que celebrar o retroceso da formación directamente procedente do franquismo, o PP, nos puntos máis avanzados politicamente do país", dixo o autor de O ventre no silencio. "A literatura galega desde Rosalía e Pondal ata Manuel Rivas nunca deixou de estar esperta e en movemento", sentenciou ó ser interrogado sobre a saúde das letras do país. "Os medios de comunicación galegos están sumidos nunha profunda contradición", explicoulle a Balbordo, un cibergalego anoxado co excesivo uso do castelán na prensa.
"Outra, outra, outra...", respostaba encendido Ferrín, dándolle paso ás preguntas que viñan dende Santiago, Lugo, Bós Aires ou quen sabe onde.
Penélope, Pepaloba, Rhiwefdel, Sanxoan, a presunta galesa Gwlith, Melgacho, Bet e outros vinte descoñecidos agochados baixo revirados alcumes azoutaban de seguido ó moderador pedindo a palabra cun signo de interrogación. A máquina presentábaos:
— Ola Usuario, benvido/a ao chat con Xosé Luis Méndez Ferrín. Para participares envía unha "?" e logo espera a que o moderador che dea a vez.
E veña a entrar xente, vena a facerlle preguntas ao recén nomeado doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo.
Orellas de cybor
A conversa prolongouse 90 intensos minutos. Vieiros non quixo tampouco perder esta oportunidade de falar en liña e en directo coa mellor pluma galega das últimas décadas.
— Vieiros: ¿Nunca pensou en se adicar exclusivamente á literatura, tal e como fan outros escritores de Galicia?
— Ferrín: A miña profesión é, e foi sempre, a de profesor de instituto. Penso que non é posíbel vivir da literatura en galego... Outra.
Houbo quen se referiu á súa candidatura ao Nobel. Irónico, o creador de "Con Pólvora e Magnolias" respostou:
— Se aínda non lle deron o Nobel a un chinés non creo que llo dean a un galego.
E non faltaron certas voces discordantes, ben co medio, ben coa forma. Dixo Vence:
— Boas Ferrín. Vexo algo raro que en vez de falar estemos a "chatear", e que cada vez que alguén entra faga join no channel. Éche un trampitán xenial este do Internet.
— A mín xa se me están poñendo orellas de cybor...
O escritor ourensán afincado en Vigo tivo que sufrir na súa pantalla os vaivéns de Timofónica, como chaman o cibemautas á operadora estatal.
— LoisR: Ferrín volveu a caer... xa logo ven... Aí ven aí ven.
— Ferrín: Caímos outra vez, isto non é vida.
¡Cousas da rede, meu amigo!
Leas da política
A política foi o tema que encheu o "chat" na súa parte final. Foucelhas puxo a polémica en bandeixa:
— Vé com esperanças este 25 de Juiho? Cré que se avançará na unidade do independentismo?
— Ferrín: (...) Saian do seu erro colonial.
A lea política chegou ó extremo coa intervención de Tapia, un internauta que dicia non saber escribir en galego. Pechado oficialmente o chat, chamoulle "demagogo" ó protagonista. As protestas e insultos non se fixeron esperar, como acontece a muído nestas tertulias tecnolóxicas. Contra a discordia na rede, o escritor falou:
— Vivimos no Imperio do Capitalismo Trasnacional e impera a lei do máis forte.
Deste xeito rematou o "chat" de Vieiros coa promesa de voltar.
Publicado orixinalmente en FARO de VIGO o mércores 30 de xuño de 1999