A Rede, en clave bravú

A irrupción da guitarra eléctrica nas aldeas galegas deu orixe nos anos 90 ó rock “bravú”, unha expresión musical propia da mocidade do país. A feliz etiqueta estendeuse á literatura e o xornalismo, deica chegar en 2001 ao ciberespacio

Dun cocido en Chantada á tecnoloxía “flash”. Foi o escritor Manuel Rivas quen definiu o “bravú” como “unha confederación irmandiña sen programas nen ideas, e sen uniformes, de guerreiros unidos pola terra, a lingua e a música”. O movemento eclosionou nos anos 90 en pobos e cidades do país: uns mozos inspirados por bandas como Mano Negra, The Pogues ou Negu Gorriak deciden aportar a súa propia visión do rock e da cultura contemporánea, a partir do espíritu da “movida” e do orgullo de seren galegos.

Portada do recopilatorio "Unión Bravú" (Edicións do Cumio, 1996)

Xorden así grupos como Os Diplomáticos de Monte-Alto, O Caimán do Río Tea, Túzaros, Skornabois, Os Bochechiñas, Rastreros e outros, unidos pola identificación coa cultura do país e un punto contestatario… En 1994 comparten en Chantada un cocido ao que asisten escritores e xornalistas, asinan un manifesto e falan de editar un disco. “Unión Bravú” sae dous anos máis tarde baixo o selo Edicións do Cumio, e o movemento se extende como unha mancha de aceite. Malia que algúns rexeitan a etiqueta, outros lévana á literatura: caso paradigmático é o de Santiago Jaureguizar coas obras “Fridom Spik” e “Todo a cen” (1995).

A segunda etapa desta historia chega en forma de publicación: “Bravú, a revista que sae cando a situación o require”. Dirixida por Xosé Manuel Pereiro e publicada por Edicións Xerais, en 1998 recibiu un Premio da Crítica “poio traballo de promoción da lingua entre a mocidade”. En varios dos seus números inclúen CDs con rock e poesía feita no país.

Logotipo de Bravu.net

Un faro no hiperespacio

Pero a cousa non quedou aí. O 1 de xuño de 2001 presentouse “Bravú.Net”, proxecto artellado pola empresa coruñesa Continental Produccións, a viguesa Interacción e unha ampla rede de colaboradores, entre deseñadores, xomalistas e artistas multimedia.

“Bravú.Net quere ser un faro cibernético da cultura alternativa, unha aposta polo mundo da creación que escapa dos medios convencionais, un camiño de ida e volta, unha porta aberta no hiperespacio”, sinalaban os editores do novo portal, Pancho Casal e o xomalista Xosé Manuel Pereiro.

“Como internauta, aprecio o carácter enciclopédico da rede, pero facía falta organizar o tema da cultura alternativa en Galicia”, di Pereiro; “por iso Bravu.net é como un bar no que se para, unha referencia para toda a xente que está interesada nestes temas”. Os responsables da páxina pretendían “convertila nun portal de referencia tanto por deseño como polos contidos”.

Co apoio da xente involucrada no proxecto tamén sentaban as bases dunha “factoría multimedia” que se adicaría á creación de discos ou CD-Roms, e á organización de actos “sen relación algunha coa cultura oficial, facendo as cousas ao noso xeito”. O bravú xa estaba na rede.

Portada de Bravu.net antes da súa desaparición en 2006, cun debuxo de Miguelanxo Prado.

Abondosos contidos

A páxina web http://bravu.net era por entón unha das máis desenvolvidas en Galicia, formalmente polo uso de tecnoloxía ‘flash” —daquela, a última tendencia na rede—, e por ter abondosos contidos. Ofrecía estas seccións

Sons: adicada ás músicas do país a través de noticias, reportaxes, diarios de ruta e arquivos MP3 listos para a súa descarga ó propio ordenador.
Visións: novas, entrevistas e galerías virtuais sobre cine, televisión, teatro, pintura e fotografía. Conta cun guión interactivo de Suso de Toro (“Esplendor), que o internauta pode axudar a escribir.
Impresións: sobre fanzines e banda deseñada. Tamén crítica literaria a cargo de Jaureguizar.
Ferrament@s: sesións de informática para inexpertos mediante guías didácticas, trucos e un apartado de novidades de software e videoxogos.
A Rede: o mellor da Internet galega, a través de entrevistas, reportaxes e selección de webs.
Mundos: historias e reportaxes sobre xentes, lugares, ambientes e bares de Galicia.
A Ruta: unha completa axenda de actividades.
Xteca: base de datos obre grupos musicais, curtametraxes e noticias atrasadas.
Taboleiro: anuncios de todo tipo pastos polos visitantes do portal.
Etique?: espacio aberto para os internautas colaboraren e suxeriren.